Comunicado enviado a AI dende o Monte Castelo, por Pedro Cabarcos:
«Dende fai semanas, 13 profesores do IES Monte Castelo quedan pechados permanentemente os luns dende a 14 h ata as 16:15 para intentar buscar a verdade informativa sobre o ensino público e elaborar documentos en cada sesión que de luz a unha información oficial que es sempre sesgada e desinformativa cara ó ensino público.
Deste xeito queremos establecer ca nosa iniciativa unha comunicación fluída co resto dos centros para enviarvos en pequenos documentos as conclusións as que imos chegando.
Enviámosvos os dous primeiros documentos, por si tes a ben facelos chegar onde creades oportuno, e invitámosvos a que de algún xeito levedes iniciativas parecidas nos vosos centros.
Lidas atentamente as información sobre AI, intentaremos participar en todas as propostas que se fan, e asistir as convocatorias que saian dende esa plataforma. En canto tomemos unha decisión vola comunicaremos.»
E velaiquí os comunicados:
COMUNICADO Nº 1
NOTA DE PRENSA
O profesorado do IES Monte Castelo de Burela que o pasado luns
realizou unha xornada continuada de 14 horas de traballo, na xuntanza
realizada entre as 14 e as 16,15 horas acordou reunirse todos os luns nesa
franxa horaria, coa fin de establecer un foro de debate sobre a situación actual
do ensino público. Nesta sesión semanal expoñerase a información recopilada
ao longo da semana, coa fin de ir elaborando documentos de traballo que
permitan unha análise rigurosa de diferentes aspectos do sistema público
de educación que os docentes reunidos consideran é preciso reivindicar e
defender (calidade, pluralismo ideolóxico, igualdade de oportunidades, escola
inclusiva…).
Os asistentes resaltaron a necesidade de continuar traballando en
defensa da calidade do ensino público, de todos e para todos, e convidan
a sumarse aos membros da comunidade educativa que queiran apoiar a
inciativa.
COMUNICADO Nº2
21-10-2011
1º DOCUMENTO DO ESTUDO SOBRE A SITUACIÓN REAL DO ENSINO PÚBLICO
NOTA DE PRENSA
Os docentes do IES Monte Castelo que se reúnen os luns entre as 14
e as 16,15 horas, na xuntanza desta semana analizaron comparativamente o
presuposto que a Consellería de Educación destina aos centros públicos e aos
privados concertados. Aínda que continúan a traballar na análise dos datos e cifras
da educación non universitaria de Galicia, a primeira conclusión que obtiveron é
que a ensinanza concertada está a recibir grandes cantidades de diñeiro a través
de subvencións adicionais, a maiores do propio concerto que teñen establecidos os
centros. A concesión destas axudas aparece en ocasións publicitada na páxina oficial
da Consellería de Educación, sen especificar que os destinatarios das mesmas son
centros privados concertados.
Como exemplo destas concesións, no DOG do pasado 7 de setembro
publicouse a orde pola que se resolve a convocatoria de axudas a centros privados
concertados para a atención ao alumnado con necesidades educativas de apoio
específico. Estas subvencións, que ascenden a case 220.000 €, ábrenlle a
posibilidade aos centros beneficiarios de facer pequenas obras de adaptación, mercar
material específico ordinario e contratar persoal complementario, posibilidade que
non teñen os centros públicos, nin sequera os de Educación Especial. A noticia
relacionada con esta resolución que aparece na páxina da Consellería con data de
19 de setembro di literalmente que “a Consellería de Educación inviste case 270.000
euros para a atención á diversidade nos centros educativos. Os colexios e institutos
galegos benefícianse de axudas para a compra de material para atender ao alumnado
con necesidades específicas de apoio educativo”.
Cómpre destacar que a case totalidade dos centros de educación infantil,
primaria e secundaria beneficiarios da axuda son centros de ideario relixioso católico.
A idea central da reunión de cada luns pode lerse ao longo da semana en diferentes
carteis colocados polos pasillos do IES. A desta semana, “Son públic@, pero non me
vendo”, únese á da semana pasada, “Escola pública, de tod@s e para tod@s”.